A Fundación Florencio Delgado Gurriarán xa é unha realidade e dende este venres 12 de xullo —cando saiu publicada no Diario Oficial de Galicia a súa declaración como Fundación de Interese Galego— comeza unha andadura que colle o relevo ao proxecto ‘As Letras de Florencio’ co que se acadara no 2022 que toda Galicia recoñecera ao autor de Córgomo e a poesía creada en Valdeorras. Agora, completados os trámites legais para a súa creación, a Fundación xa pode poñerse mans á obra para cumprir o seu cometido de promover a cultura e a lingua de Valdeorras.
Para celebrar este fito, membros do padroado e mais dos concellos e asociacións que apoian o proxecto, reuníronse na que será a sede da institución, o baixo do número 8 da Rúa San Roque do Barco de Valdeorras, que deberá ser restaurado. Este local, a antiga zapatería do Monfortino, foi cedida á Fundación por Emilio Vega, o seu actual propietario, para crear nela unha sede que funcione como espazo cultural. Vega é de feito o vicepresidente do padroado da Fundación, que está presidida por Maruxa Delgado, unha das fillas de Florencio. Tanto ela como o resto dos descendentes de Florencio celebraron dende México este paso e agradeceron o esforzo feito para crear unha institución que para elas: «servirá para estimular la cultura y la creatividad en Galicia, tierra muy amada por mi padre, mi madre y todos nosotros, sus hijos».
Ademáis da Maruxa Delgado e Emilio Vega, no padroado da Fundación están Celia Delgado, outra das fillas de Florencio; Elva Delgado e Lucio Santalla, familiares do autor; Ángel Fernández e Aurelio Blanco, membros do Instituto de Estudos Valdeorreses; e mais Miguel Bautista, Camilo Valdehorras e Anxo Baranga, moi implicados dende hai décadas na posta en valor do poeta de Córgomo. Moitos deles estiveron onte na presentación da Fundación, acompañados do alcalde e da concelleira de Cultura do Barco, Alfredo García e Margarida Pizcueta, e máis do alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez.
A primeira fundación cultural en Valdeorras
Na presentación desta nova intitución, destacouse que se trata da primeira e única fundación cultural que existe en Valdeorras e que nace coa intención de unir a comarca e proxectar a súa acción cultural, tanto de cara ao exterior como para a propia veciñanza. A súa xerente, Débora Moldes, destacou que «temos que coñecer o que temos para valoralo, e niso seguiremos a estela do Instituto de Estudos Valdeorreses, no noso caso promovendo investigacións e divulgacións relacionadas coa literatura e a lingua de Valdeorras». De feito os seus proxectos máis inmediatos son a convocatoria da quinta edición do Premio de Poesía e a creación dun diccionario de valdeorrés, algo que xa iniciara Florencio e do que existen algunhas iniciativas que se queren unificar.
O activista cultural corgomés Anxo Baranga, destacou a alegría que sentía «ao vernos aquí xuntos neste paso grandísimo para a cultura en Valdeorras», ao que o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez, engadiu que a Fundación «será unha plataforma única para traballar unidos e poñer a Valdeorras onde se merece». Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco, apelou tamén a esa oportunidade que supón a cultura para poñer a comarca no mapa para o que se precisará o «apoio e participación de todos os veciños e veciñas».
Apoios e mecenas
A presentación da Fundación, coincidindo coa publicación no DOG, foi sobre todo un momento de celebración e de feito, rematou cun brinde con viños do Consello Regulador da DO Valdeorras. Aurelio Blanco, lembrou como dende o IEV levaban 45 anos reivindicando a figura de Florencio, e o alcalde do Barco, Alfredo García destacou o fito da gran celebración do 2022: «Fixemos o mellor ano das Letras Galegas deixando o listón moi alto, pero era un porto de categoría especial, dixemos que a carreira seguía e hoxe é a proba».
A Fundación Florencio Delgado Gurriarán conta xa cun apoio firme da Deputación de Ourense, que aportará 30.000€ nesta anualidade para o desenvolvemento das primeiras iniciativas. O seu funcionamento estará tamén respaldado dende os Concellos da comarca. O Barco, Vilamartín, A Rúa, Petín, Larouco e O Bolo confirmaron a súa participación, e se está pendente de concretar a posible participación de Carballeda, Rubiá e A Veiga. Os trámites retomaranse nas próximas semanas para que podan levar os convenios a pleno co inicio do novo curso político en setembro. Outros dos apoios que agarda acadar a Fundación é a do sector empresarial e financiero presentes na comarca, cos que xa houbo contacto.