O V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten os tres poemas finalistas entre os que se escollerá ao vencedor nunha gala que se celebrará a finais de outubro. Os poemas e autores finalistas son Aleixandre Barral (A Coruña, 1992) co poema Meditación sobre Patinir, Daniel Barral (Vigo, 1997) con Visões de Gideão, e Benjamín Vidal (Baiona, 1996) co texto Sinal, corpo. Os tres poemas —que optan a un premio único de tres mil euros— foron seleccionados polo xurado integrado por Raúl Diz, Beatriz Dourado, Manuel Xestoso, Mª Carmen Gago e Delfín Caseiro, e están dispoñibles para a súa lectura na web da Fundación.

A organización do Premio recibiu obras de 110 autores e autoras entrando a concurso finalmente as 120 pezas que cumprían os requisitos. Os autores dos poemas finalistas son todos nacidos na década dos noventa e dende a Fundación destacouse a súa calidade literaria a pesares de ser autores con escasa obra publicada. Débora Álvarez Moldes, a directora da Fundación, explicou que o traballo do xurado non foi sinxelo, xa que «esa mesma calidade e profundidade lírica estaba presente en moitos outros poemas candidatos». 

Agora falta coñecer o poema gañador, que será anunciado nunha gala que será a primeira que organiza a recén creada Fundación Florencio Delgado Gurriarán e que queren que represente os criteiros de promoción cultural desta nova etapa da organización, na que o autor de Córgomo segue sendo o centro da súa acción pero co protagonismo repartido en toda Valdeorras e expresións culturais da comarca.

Poemas e autores finalistas

Visões de Gideão, Daniel Barral. (Vigo, 1997) Licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona. Traballa como profesor de Filosofía no ensino secundario galego. Aparte do seu traballo en poesía e narrativa, colabora con diversos medios de comunicación galegos. Ten gañado premios literarios como o Manuel Murguía de narración breve do 2019 por A casa das Castrouteiro e o VII certame Literario Mazarelos da USC en 2021 con O livro de Liu Changqing. Outra da súa obra publicada é Dialética, de Editorial Medulia.

Meditación sobre Patinir, Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992). Cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica. Colaborou como tradutor e axudante de dirección na compañía Teatro do Atlántico. Como escritor, resultou finalista do Premio de Poesía Díaz Jácome na súas XV e XX edicións. Ten publicado o libro Cartafol de Miraxes, gañador do XXIV Certame Literario de Vilalba no 2018.

Sinal, corpo, Benjamín Vidal (Baiona, 1996) Graduado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago onde realiza a súa tese de doutoramento en fonoloxía das linguas tocarias. Leu por primeira vez a Safo con dezasete anos e con vinte e oito dí que aínda non se sobrepuxo. A súa obra viu a luz na antoloxía Poesía galega novísima (Editorial Urutau) e nos números 42 e 43 da revista Dorna, Expresión Poética Galega. Tamén foi premiado no IV Concurso literario Mazarelos e recibiu o accésit no XXVI Certame Francisco Añón de poesía.

Pódense ler os poemas AQUI