Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992) resultou o gañador do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán convocado pola Fundación que leva o nome do poeta do Córgomo. O premio foi desvelado este sábado 26 de outubro nun encontro celebrado no Bolo e ao que acudiron tamén os outros poetas finalistas, Daniel Barral e Benjamín Vidal. Os tres autores tiveron ocasión de recitar os seus poemas nun evento conducido polo actor e músico valdeorrés Paco Campos e no que tamén interveu o músico Raúl Diz, membro do xurado.

O autor premiado cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica. Colaborou como tradutor e axudante de dirección na compañía Teatro do Atlántico. Como escritor, xa resultara finalista en dúas edicións do Premio de Poesía Díaz Jácome. Tamén ten publicado o libro Cartafol de Miraxes, gañador do XXIV Certame Literario de Vilalba no 2018. Sobre a súa obra Meditación sobre Patinir o xurado destacou que é un gran poema, tanto a nivel estético como formal, polo ton épico da linguaxe poética, cun forte poder de evocación da paraxe pictórica.

Un encontro con música, poesía e arte

Música e poesía foron os principais ingredientes da cita no Bolo, pero non os únicos, xa que a xornada comezou no Museo Yosso, onde os asistentes puideron desfrutar dos cadros do tamén poeta, quen asinaba os seus versos como Xosé de Balbuxán. Alí, a súa irmá Marina Porto ofreceu unha visita guiada conversando con Aurelio B. Trincado, presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, quen puxo en valor a conexión que había entre Yosso e Florencio. Tras esta parada, o evento trasladouse ao castelo, onde se entregaron os premios.

A cultura e a lingua son as ferramentas para cultivar a nosa autoestima e proxectarnos cara o exterior.

Débora Álvarez Moldes, directora da Fundación FDG

A celebración desta gala no Bolo enmárcase dentro da estratexia da Fundación de extender a súa acción a toda a comarca tendendo pontes entre diferentes expresións artísticas e territorios. De feito, a súa directora, Débora Álvarez Moldes, destacou que a Fundación representa a aposta pola cultura e a lingua «como ferramentas para cultivar a nosa autoestima e nos proxecte cara o exterior». Así mesmo, agradeceu aos Concellos que xa teñen un acordo de colaboración coa Fundación: O Barco, Vilamartín, A Rúa, Petín, O Bolo e Larouco, e animou aos que o están valorando para que a nova institución sexa un frente común da acción cultural de Valdeorras.

Á entrega do premio asistiron, ademaís de veciñanza do Bolo e comarca, o subdelegado do Goberno en Ourense, Eladio Santos; o deputado provincial e tenente de alcalde do Barco, Aurentino Alonso; o alcalde de Vilamartín, Enrique Álvarez Barreiro e o tenente alcalde da Rúa, Luis Fernández Gudiña.

Os tres finalistas, Daniel Barral, Aleixandre Lago e Benjamín Vidal.
Tags: