Unha acción cultural diversa e itinerante por diferentes espazos de Valdeorras. Ese é o plan para o 2025 presentado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán. O programa inclúe xornadas culturais con conferencias e visitas ao territorio dedicadas á lingua e a Castelao e unha nova edición do Premio de Poesía que será convocado en abril.

Tamén está prevista a recuperación da Florenciada en Córgomo como celebración popular do Día das Letras Galegas; o regreso das Noites de Teatro no verán e un encontro educativo. Ademais, a Fundación porá en marcha un dicionario de valdeorrés en liña e participativo, que implicará accións cos centros educativos e coas asociacións veciñais. A primeira destas actividades será o próximo 29 de marzo na Rúa cunha xornada sobre «A fala valdeorresa e do Bierzo».

Esta programación conta co apoio económico da Deputación de Ourense e dos Concellos integrados na Fundación: O Barco, Vilamartín, A Rúa, O Bolo, Petín e Larouco, ademáis da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude para o apartado do dicionario.  Todo este programa foi presentado na Biblioteca da Rúa coa presencia da súa alcaldesa, María González Albert, os patronos da Fundación Manuel Bautista e Aurelio Blanco Trincado, Ana Vizcaya, María del Carmen Álvarez e Margarida Pizcueta, representantes na Fundación dos Concellos da Rúa e do Barco respectivamente.

Comisións e grupos de traballo

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán naceu con vocación de liderar unha acción cultural de comarca e por iso, ademais da participación dos municipios, está a a crear grupos de traballo específicos de cada disciplina abertos á incorporación de axentes do territorio.

Son as comisións de Lingua, Literatura, Historia, Territorio, Didáctica e Artes, que se ocuparán de ir deseñando as actividades de cada área, e ás que se están a sumar especialistas e activistas culturais que aportan propostas e a súa experiencia.

A maneira de incorporarse a estas comisións é por convite directo da Fundación ou dirixíndose á súa xerencia para propoñerse como candidato ou candidata para integrar un dos grupos de traballo. Con isto a Fundación quere ser permeable con outras accións culturais da comarca e consoliderase como un espazo de acubillo para todo aquilo incluído baixo o seu lema: Lingua e Cultura de Valdeorras.

Tags: