A primeira actividade da Fundación Florencio Delgado Gurriarán neste 2025 será o sábado 29 de marzo cunha xornada cultural dedicada á fala valdeorresa. A cita comeza ás 11.30 horas no Centro Cultural Avenida da Rúa —onde xa se realizaron as xornadas culturais do 2022 (na imaxe)— cunha sesión titulada A fala valdeorresa e do Bierzo.

Na sesión intervirán a filólogas e investigadora Noelia Estévez Rionegro, natural da Rúa, quen introducirá o seu traballo Fraseoloxía do noroeste de Valdeorras, e máis Sara Rodríguez Fernández, nacida en Carracedelo e autora do Dicionario do Galego no Bierzo. Tras as súas palestras, no evento presentarase a plataforma en liña do dicionario de valdeorrés que a Fundación leva meses desenvolvendo e que conta cunha axuda específica da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. 

Como segunda parte da xornada, ás 13 horas haberá unha visita a unha adega e cova tradicional da Rúa para facer unha inmersión no léxico do viño. A visita será na zona de covas do Porto da Costa, en Vilela, e contará coa colaboración dos viticultores Pío González Rodríguez e Celia Martínez Díaz.

Esta parte do evento, se ben é gratuíto, require inscribirse neste FORMULARIO xa que as prazas son limitadas. O acceso ás palestras é libre ata completar aforo.