Hai agora tres anos que a Aira dos Bolos de Córgomo se convertía no epicentro da cultura galega grazas á celebración das Letras Galegas dedicadas a Florencio Delgado Gurriarán. Os seguintes anos, a cita continuou cunha feira organizada pola Asociación de Mulleres da vila. Neste 2025, toma o relevo a Fundación Florencio Delgado Gurriarán, co apoio da Deputación de Ourense, organizando unha festa da cultura galega en colaboración coa veciñanza de Córgomo. O sábado 17 de maio, toda Valdeorras está convocada para gozar en Córgomo das Letras Galegas dedicadas ás cantareiras.

O programa arranca ás doce da mañá e inclúe unha feira de artesanía, unha zona de xantar, música, cantos de taberna, pandereteiras e ata un obradoiro de foliada. Os detalles foron presentados en Córgomo por parte de Sherezade Núñez, concelleira de Cultura de Vilamartín, a quen acompañaron Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco e Elva Delgado, secretaria da Fundación FDG.

PROGRAMA

  • 10.00 h. Camiñada a Córgomo
  • 12.00 h. Inauguración da Feira de Artesáns (apertura dende as 11.00h)
  • 13.00 h. Grupo Charangaiteiros
  • 14.00 h. Xantar popular
  • 15.00 h. Grupo Pándega
  • 17.00 h. Foliada con Abertal
  • 19.00 h. Cantarenas pola vila cos Parrandas
Todas as actividade son de acceso libre, excepto a Camiñada á que hai que inscribirse

Unha foliada pola cultura galega

A recuperación da Florenciada foi un obxectivo da Fundación FDG dende a súa creación, pois aínda se mantén fresca a memoria da xornada tan alegre vivida nas Letras de 2022. Naquela ocasión, toda a vila de Córgomo implicouse no evento e este ano non será menos. As 12 da mañá abrirá na Aira dos Bolos unha feira de artesáns e produtores de Valdeorras organizado polas veciñas. Un pouco despois, cara as 13 horas, comezarán os cantos de taberna pola vila, cos Charangateiros

Con posto de polbo, embutidos e panadería, os que se acheguen á vila poderán xantar nas mesas colocadas na Aira das Guerras, que estará cuberta. As 15 horas volverá a música, cos Pándega, e a partires das 17 horas arrancará unha gran foliada con Abertal, que acudirá á cita con gaiteiros, pandereteiras e unha proposta moi especial, un obradoiro de foliada a cargo de Manolo Cobas, o profesor de baile da agrupación ruesa. Aparte da festa e cantos por parte dos grupos, habilitarase tamén un escenario con micro aberto para animar ao canto espontáneo de coplas

Para rematar a xornada, o grupo Os Parrandas de Córgomo serán os anfitrións dun paso pola vila con cantarenas e visitas ás adegas e covas de veciñanza.

O evento pretende recuperar o espírito festivo da Florenciada de 2022

Camiñada a Corgomo

Como apertura do día, a Fundación celebra ademais unha camiñada dende Arcos ata a aldea natal de Florencio, pasando por algúns lugares trascendentais da súa biografía, como o río Farelos ou Portela. Durante a andaina —que partirá ás 10 da mañá da Praza das Cegoñas— contarase co acompañamento de anfitrións locais que explicarán a historia dos lugares. Para participar é preciso inscribirse na páxina web da fundación, xa que as prazas son limitadas. O percorrido é de  preto de cinco quilómetros e durará unhas dúas horas, chegando a Córgomo para o inicio da feira.

Para participar da Camiñada é necesario inscribirse neste FORMULARIO