Poetas e artistas cunha ampla traxectoria, un investigador da literatura galega, e dous poetas novos. Os cinco nomes que integran o xurado do VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán reúnen a experiencia, o talento e a pulsión que require escoller ao próximo poema gañador do que é xa un dos certames literarios máis consolidados do país. Nesta sexta edición o xurado está integrado por Lucía Aldao, Enma Pedreira, Aleixandre Lago e os valdeorreses Inma Núñez e Luciano Rodríguez.

Enma Pedreira (A Coruña, 1978) é filóloga, escritora e artista visual. Ten dez poemarios publicados ademais de libros doutros xéneros como novela histórica, infantil ou novela negra. No 2018 gañou o Premio da Crtítica Española de narrativa en galego con Bibliopatas e fobólogos, e colabora en medios como Nós, Luzes e Protexta. Lucía Aldao (A Coruña, 1982) leva máis de media vida recitando nos escenarios máis variados. Ademais de escribir e publicar poesía, lidera a banda PAVA e fai poesía escénica, música, humor e animación cultural, como xa demostrou presentando as primeiras galas do premio. Ten participado en obras colectivas e publicou recentemente Todo isto antes era noite (2018) e Ninguén morreu de ler poesía (2020) coasinado con María Lado. Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992) é tamén poeta e foi o vencedor do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Lago cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica e colaborou como tradutor na compañía Teatro do Atlántico. Ten unha obra publicada, Cartafol de miraxes (2018).

Valdeorras é o lugar de orixe dos outros dous membros do xurado. Luciano Rodríguez, (A Veiga, 1951) ten unha ampla carreira como investigador e docente da literatura galega. É membro da Real Academia Galega dende o 2023 e profesor honorario da Universidade da Coruña, destacando a proxección que lle deu á poesía galega fóra do país con varias publicacións como Poesía gallega contemporánea (1996) ou Horizontes poéticos (2022). Inma Núñez (Rubiá, 1991) é a autora do poemario Unha casa onde vivir (2024) gañador do Premio Fiz Vergara Vilariño, actualmente vive en Valdeorras e é a primeira vez que colabora coa Fundación.

O cartaz do Premio foi deseñado pola ilustradora valdeorresa Patricia Fernández

Comisión de literatura e prazos do Premio

Os membros do xurado do premio foron propostos pola recentemente creada Comisión de Literatura da Fundación Florencio Delgado Gurriarán, integrada por Camilo Valdehorras, Marga Barrio, Paco Campos, Emilio Vega, Jorge Moral e María del Carmen Álvarez. Investigadores, docentes, escritores e apaixonados da literatura, a súa función será a de tecer a estratexia da institución respecto da creación literaria.

En canto ao Premio de Poesía, o prazo para presentarse remata o próximo 29 de xuño. Pódense presentarse ata tres poemas candidatos, en galego e de non máis de 50 versos. Os tres poemas finalistas coñeceranse en setembro, e o gañador, durante a gala de entrega do premio que este ano se celebra no Barco. Este certame é posible coa colaboración da Deputación de Ourense e ten un único premio de 3.000€, sendo un dos premios literarios coa mellor dotación económica de Galicia.