A Fundación Florencio Delgado Gurriarán continúa coa súa intensa programación cultural, desta vez centrada na relación de Castelao con Valdeorras. Sendo o ano no que Galicia celebra ao intelectual de Rianxo, dende a institución non queren deixar pasar a ocasión de explorar as súas conexións coa comarca e os seus autores. E unha das menos coñecidas é a do debuxante Xaime Prada, nacido en Vilamartín de Valdeorras e quen publicou as súas ilustracións nos anos 20 na revista Nós. A el dedicarase un dos eventos incluídos nestas primeiras xornadas culturais denominadas Castelao e Valdeorras, e que se celebran os días 21 e 22 de xuño. Toda a programación é de acceso libre ata completar aforo, excepto a ruta, para a que é necesario inscribirse a través deste FORMULARIO.

A programación comezará ás 10 da mañá dese sábado 21 de xuño na Praza Ramón Otero Pedrayo, en Viloira, dende onde partirá a ruta As rúas na memoria do Barco. Trátase dun percorrido polos hodónimos da vila, lembrando aos persoeiros escollidos para ser homenaxeados no rueiro local. Guiado polo poeta e activista cultural Jorge Moral, pasará polas rúas Eulogio fernández, Elena Quiroga, Juan Giral e Abdón Blanco, entre outras. Moral integra a Comisión de Literatura da Fundación e é un colaborador habitual nas súas actividades.
Ese mesmo sábado pola mañá, estaba prevista a conferencia Castelao, obra artística, a cargo de Pilar García Negro, pero tivo que ser adiada por motivos de saúde.
O domingo 22 a actividade das xornadas desprazarase á Casa Gayoso, na Portela de Vilamartín, propiedade da familia de quen fora fundador e primeiro presidente do Instituto de Estudios Valdeorreses, Xosé Gayoso. Amigo persoal de Florencio Delgado Gurriarán e responsable da recuperación da súa obra para a cutura galega, a súa casa é o lugar escollido para outro redescubrimento para a comarca, o do debuxante valdeorrés Xaime Prada. Nacido en Vilamartín en 1891, é coetáneo de Castelao e publicou ilustracións tanto na revista Nós, como en Vida Gallega. A súa traxectoria será abordada por Aurelio Blanco Trincado, actual presidente do IEV, na conferencia Xaime Prada, un valdeorrés na nómina de ilustradores da Xeración Nós.
Ademais da charla, que comezará ás 12 da mañá, Trincado amosará un exemplar orixinal do libro de Xaime Prada Grabados en Linoleum, publicado por vez primeira en 1927 e que contén dezaoito gravados do autor valdeorrés acompañados de textos orixinais dos principais escritores galegos da época cos que tiña relación. Publicado orixinalmente pola editorial Nós, foi reeditado por Edicións do Castro en 1981, nunha iniciativa liderada por Xosé Gayoso e o Instituto de Estudios Valdeorresas. No limiar desa edición, a cargo do propio Gayoso, compáranse as vidas de Prada e Castelao, algo sobre o que profundizará Blanco Trincado na súa charla do día 22. Como colofón da actividade, haberá unha exposición dos gravados de Xaime Prada e un viño e aperitivos para os asistentes.

