A Fundación Florencio Delgado Gurriarán presentou no Barco a que será a súa programación de outono, na que o gran protagonismo teranno o Premio de Poesía e máis as Xornadas Culturais Castelao e Valdeorras. A presentación do programa fíxose tras unha reunión na que se decidiu outorgar un carácter benéfico á próxima gala de entrega do VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriaráná que se celebra no Teatro Lauro Olmo do Barco o sábado 20 de setembro. Por vez primeira a entrada á gala terá custe (5€ por persoa) e a recadación en taquilla e máis na fila cero (ES79 2080 0405 4930 4004 9409) que se habilitará para doazóns en conta, estará destinado a paliar os efectos dos lumes forestais que asolaron Valdeorras este pasado mes de agosto. Dende a Fundación aseguran que o recadado será xestionado con transparencia e dedicado a algunha das iniciativas previstas de recuperación dos montes queimados.

Débora Álvarez, xerente da Fundación, explicou que están a traballar coa condutora da gala, a actriz Iria Pinheiro, para integrar na proposta escénica un recoñecemento e agarimo cara a comarca por todo o vivido. Álvarez destacou que «a ferida destes lumes forestais, nos que arderon moitas das paisaxes amadas por Florencio, tardará en sandar e a cultura ten moito que aportar nese proceso, a través do encontro, da beleza e da emoción». Neste senso, destacouse a traxectoria escénica da artista Iria Pinheiro como a persoa adecuada para conducir esta gala. Con ela estará o músico Davide González. Pola súa banda, Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura no Barco, celebrou que a cultura poida sumarse á resposta ante a situación creada polos lumes destacando que responde ao obxectivo da Fundación de ser «un dinamizador cultural, social e tamén da conservación medioambiental de Valdeorras».

Unha gala expandida

Ademais do seu carácter benéfico, a gala será a oportunidade de descubrir cal é o poema gañador desta edición do Premio na que se bateu o récord de obras presentadas con 226 textos admitidos a concurso de 138 autores e autoras diferentes. Dende a Fundación agradecen ao xurado, composto por Enma Pedreira, Lucía Aldao, Inma Núñez, Luciano Rodríguez e Aleixandre Lago pola súa dedicación e esforzo. O próximo luns 8 de setembro farase público o título e autoría dos tres poemas finalistas e o gañador coñecerase o día da gala.

Por vez primeira tamén, a entrega do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán terá unha segunda parte. O domingo 21 de setembro ás 13 horas celebrarase un encontro poético musical na Praza Doutor Quiroga de Petín coa presenza dos poemas finalistas e o xurado do premio. Terá caracter festivo e contará coa actuación do grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que contan cun repertorio propio de temas en galego. Este programa dobre responde por unha banda á estratexia da Fundación de que a súa programación sexa itinerante pola comarca e tamén, a facilitar a convivencia da veciñanza cos artistas que visitan Valdeorras esa fin de semana.

Mario Colomán & The Clocks Band