O VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten poemas finalistas. Trátase das obras A casa de barro, de Cristina Ferreiro, Deixará de pasar algún día? de Saray Rodríguez Pérez e A porta da casa que se abre, de Miguel Anxo Fernán Vello. Estes tres poemas foron escollidos de entre os 224 presentados a concurso de 138 autores e autoras diferentes. A escolla foi realizada polo xurado integrado por Enma Pedreira, Lucía Aldao, Inma Núñez, Luciano Rodríguez e Aleixandre Lago. Todos eles, xurado e finalistas, formarán parte da gala de entrega do galardón, dotado con 3.000€, e que se celebra o sábado 20 de setembro ás 20.30 horas no Teatro Lauro Olmo do Barco.
O evento estará conducido pola actriz Iria Pinheiro, para o que contará coa colaboración do músico e artista Davide González. Este 2025 a gala de entrega do Premio de Poesía FDG será benéfica e a entrada terá un custe de 5€ por persoa ao que se sumará o recadado na fila cero que xa está habilitada para doazóns en conta. O obxectivo é contribuir a paliar os efectos dos lumes forestais que asolaron Valdeorras este pasado mes de agosto. Como continuación da gala, o domingo 21 de setembro ás 13 horas celebrarase na Praza Doutor Quiroga de Petín un encontro poético musical co grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que contan cun repertorio propio de temas en galego.
Poemas finalistas
Deixará de pasar algún día?, Saray Rodríguez Pérez (Ourense, 2003). Estudante de dereito na Universidade de Vigo, Saray Rodríguez compaxina a súa formación xurídica cunha intensa actividade literaria e cultural. A súa obra poética xa foi recoñecida en certames de novos creadores e participou no volume colectivo Que nuestras flores no mueran co poema Se trata del amor. Destaca tamén a súa faceta como oradora e defende unha poética comprometida coa palabra como espazo de resistencia e a escrita como un lugar para a verdade emocional.



A casa de Barro, Cristina Ferreiro (Lugo, 1983) Técnica superior en realización audiovisual, Cristina Ferreiro ten recibido bolsas artísticas e participado con pezas de videoarte en exposicións en Galicia, Barcelona, Valencia e Oporto. A súa obra poética obtivo diversos premios e foi incluida en revistas e fanzines así como en antoloxías de poesía galega. Publicou os poemarios Desequilibras e Caer (Bubela Editorial, 2009), Abecedario Póstumo (XII Premio de Poesía Fiz Vergara Vilariño. Espiral Maior, 2013), As paisaxes eléctricas (XXVI Premio Eusebio Lorenzo Baleirón. Sotelo Blanco Edicións), Morrer non é durmir para sempre (Bubela Editorial, 2022).


A porta da casa que se abre, Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958). Poeta, dramaturgo, pintor e editor, Fernán Vello estudou Psicoloxía, Filoloxía e Música foi secretario xeral da AELG, presidente do Gremio de Editores de Galicia e fundador de Edicións Espiral Maior (1991). Como poeta obtivo en dúas ocasións o Premio Nacional da Crítica e foi finalista do Premio Nacional de Literatura. Autor de 15 libros de poemas, a súa obra foi recoñecida, entre outros, cos premios Celso Emilio Ferreiro, Esquío e Martín Códax. Con varios libros traducidos ao francés, castelán, catalán e italiano figura na antoloxía universal De totsels vents (2004). No 2001 a Orquestra Sinfónica de Galicia estrea a súa cantata Cantiga Finisterrae, con música de Juan Durán. Na súa etapa como deputado no Congreso foi Secretario da Comisión de Cultura e participou da elaboración do Estatuto do Artista.

