A fin de semana poética e musical na que se entregou o VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán incluiu unha segunda cita o domingo 21 na Praza Doutor Quiroga de Petín. Alí, dende as 12.30, celebrouse un encontro poético musical ao que acudirin finalistas e xurado do Premio e no que tivo a súa estrea Nadel, unha nova asociación cultural valdeorresa que aposta «por darlle voltas á cultura, activar a memoria, acompañar procesos e sementar futuro en galego, sen espiñas». Así o explican os seus responsables: Ana Rosa, Jorge Moral, Rubén Alvariño e Iria Vila. Todos eles levan tempo desenvolvendo iniciativas culturais na comarca polo que conformarse como Asociación foi só un paso máis nun camiño que promete deixar moi boas experiencias na socialización da poesía e da lingua.

A súa proposta en Petín foi ofrecer «poesía frigorífica», imáns con versos dos poetas do Premio que a xente puido levar unha vez superado un xogo relacionados cos autores e autoras da comarca. Xunto a eles, na mesma praza de Petín, houbo un concerto do grupo quirogués Mario Colomán & The Clocks Band, que ademais de versións, presentaron un repertorio propio de temas en galego.