O VI Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán xa ten poema gañador. Trátase de A porta da casa que se abre de Miguel Anxo Fernán Vello (Cospeito, 1958). Poeta, dramaturgo, pintor e editor, Fernán Vello recolleu o galardón, dotado con 3.000€, nunha gala celebrada este sábado no Teatro Lauro Olmo do Barco e á que chegara como finalista xunto aos poemas A Casa de barro, de Cristina Ferreiro e Deixará de pasar algún día, de Saray Rodríguez Pérez. Foi no propio evento no que se desvelou o nome do gañador, escollido, segundo o xurado, pola súa profundidade, capacidade lírica e imaxes que espertan a sensibilidade do lector.

A poesía foi a gran protagonista dunha gala que por vez primeira cobrou entrada para destinar a recadación a proxectos de restauración da flora e fauna nos montes valdeorreses afectados polos lumes forestais deste verán. O evento estivo conducido pola pola actriz Iria Pinheiro acompañada en escena polo músico e artista Davide González. Entre ambos, crearon unha atmósfera lírica e íntima para acubillar os versos dos finalistas lidos por eles mesmos sobre o escenario, excepto no caso de Cristina Ferreiro, quen o fixo a través dun vídeo ao non poder desprazarse ao Barco para a ocasión.Quen si asistiu foi unha parte do xurado, coas poetas Enma Pedreira e Inma Núñez, e mais Aleixandre Lago, gañador do mesmo premio na edición do 2024.