En 1934 Daniel Alfonso Rodríguez Castelao sufriu un traslado forzoso a Badaxoz, a onde foi enviado como funcionario público dende o seu posto de Pontevedra en represalia polo non posicionamento do Partido Galeguista contra a Revolta de Asturias. Castelao fixo esa viaxe ao desterro en tren, sendo acompañado entre paradas por outros galeguistas, entre eles Florencio Delgado Gurriarán, quen se trasladou a Monforte para acompañalo no traxecto ata o Barco de Valdeorras. O próximo sábado, 4 de outubro, esa viaxe será recreada pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán coa conferencia ‘Castelao e Florencio, unha conversa no tren do desterro’ cos historiadores Uxío-Breográn Diéguez e Ricardo Gurriarán.

A xornada comezará ás 9 da mañá na Praza do Concello do Barco de Valdeorras, de onde sairá un autobús cara Monforte para coller o tren das 10.15, no que a Fundación ten reservado un vagón. Unha vez a bordo comezará a conferencia para a cal, os asistentes disporán de auriculares que lles permitirán escoitar a Gurriarán e Diéguez quenes analizarán a relación entre Castelao e Florencio iniciada de forma persoal nunha Asamblea do Partido Galeguista en Ourense en xaneiro de 1934. Este contacto prolongouse durante a Guerra Civil, na que coincidirion na retagarda do goberno republicano en Barcelona, e máis no exilio en América.

Na viaxe en tren a conversa xirará en torno a dúas desas etapas: os albores do galeguismo e mais a Guerra Civil. Unha vez chegados ao Barco, arredor das 11 da mañá, a conferencia continuará no salón de actos do edificio multiusos, na praza do Concello, onde haberá espazo para falar do tempo do exilio e abrir un espazo de intercambio cos asistentes. A actividade é gratuita pero é necesario anotarse neste FORMULARIO DE INSCRICIÓN.

O Castelao artista

Ao día seguinte, o domingo 5 de outubro ás 12.30, na mesma Sala Abanca do Barco (Praza do Príncipe) terá lugar a conferencia Castelao, obra artística, a cargo da investigadora Pilar García Negro, quen analizará a traxectoria do autor e político dende un punto de vista artístico, contextualizándoo co seu tempo histórico. Como escenario da charla haberá unha exposición de fondos relacionados con Castelao conservados pola Fundación e que inclúen libros e facsímiles das súas láminas máis famosas. Tras a conferencia García Negro ofrecerá unha visita comentada á mostra. O acceso a este evento é libre ata completar aforo. 

Estas actividades completan as Xornadas Culturais da Fundación Florencio Delgado Gurriarán deste 2025, sumándose coa programación á celebración do Ano Castelao. Para a súa organización contouse coa axuda de Abanca e Renfe, ademáis do apoio clave da Deputación de Ourense e dos Concellos do Barco, A Rúa, O Bolo Petín, Larouco e Vilamartín que respaldan a actividade da Fundación.