Unha conferencia a bordo dun tren, o mesmo que en 1934 tomou Florencio Delgado Gurriarán en Monforte para acompañar a Alfonso Rodríguez Castelao na súa viaxe ao desterro en Badaxoz. Esa foi a proposta da Fundación do autor valdeorrés para sumarse á conmemoración do Ano Castelao. Máis de trinta persoas sumáronse á iniciativa, collendo o tren en Monforte e facendo ese mesmo traxecto ata O Barco de Valdeorras, como Florencio fixera hai máis de noventa anos, pero neste caso para escoitar o relato sobre ese tempo ofrecido polos historiadores Ricardo Gurriarán e Uxío-Breogán Diéguez. Entre ambos trazaron unha panorámica dende os primeiros contactos de Florencio co galeguismo ata o exilio, na que Castelao foi sempre referente e descrito polo propio Florencio como o guieiro.

Castelao e Florencio coñecéronse en persoa nunha asamblea do Partido Galeguista en Ourense en xaneiro de 1934 e a súa relación intensificouse durante a Guerra Civil, cando coincidiron no goberno da Segunda República na retagarda en Barcelona. Tamén no exilio, na articulación do movemento cultural e político que conseguiu manter vivo o galeguismo en México e Arxentina, onde recalaron tespectivamente trala victoria fascista. Case un século despois, a memoria das súas accións foi analizada nunha xornada que despois de cubrir o traxecto en tren dunha hora, continuou no edificio multiusos do Barco, onde houbo espazo para o coloquio cos asistentes.

Tanto os conferenciantes coma o público destacaron a singularidade dunha proposta que, segundo destacou Gurriarán: «É posible que sexa a primeira conferencia nun tren en marcha que se ten feito no país». Diéguez tamén celebrou a iniciativa, ao considerar que «foi o marco perfecto para falar dun contexto histórico moi relevante» no que se estaba a definir o futuro da autonomía galega. De feito, durante a viaxe, os participantes recibiron un facsímil do Estatuto de Autonomía votado no 36 e refrendado nas Cortes no exilio en 1945. O libro, publicado orixinalmente na Arxentina con comentarios do propio Castelao, foi editado e agasallado á Fundación FDG pola Asociación Galiza Cultura.

Estas xornadas culturais remataron o domingo 5 de outubro cunha conferencia sobre o Castelao artista a cargo da investigadora Pilar García Negro. Foi na Sala Abanca do Barco acompañando a charla dunha exposición da obra gráfica e libros de Castelao conservados pola Fundación.