O dicionario da fala valdeorresa que está a crear a Fundación Florencio Delgado Gurriarán é un exemplo que podería extenderse a outras comarcas de Galicia. Esa foi unha das conclusións ás que se chegou durante a súa presentación en Santiago o pasado venres 31 de outubro na Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia. Foi unha axuda deste departamento a que permitiu poñer en marcha a aplicacion web coa que se está a nutrir o dicionario e que foi presentada polo seu responsable, Valentín García, acompañado de Débora Álvarez Moldes, xerente da Fundación FDG, e mais Margarida Pizcueta, membro da súa Comisión de Lingua e concelleira de Cultura do Barco. A iniciativa lanzouse nunhas Xornadas da Lingua en Valdeorras no pasado mes de marzo e xa ten case duascentas palabras. Valentín García amosouse moi satisfeito coa ferramenta e o que supón para o recoñecemento social do galego, ademais de ser un importante traballo de investigación filolóxica.

Valentín García e outras directivas de Política Lingüística xunto a Margarida Pizcueta e Débora Álvarez

A web do dicionario é unha plataforma web moi intuituiva que facilita que calquera persoa faga as súas aportacións de léxico da comarca. A páxina —desenvolta pola Fundación FDG en colaboración coa empresa Estudio Caravana— inclúe un apartado de termos e outro de refráns, para recoller tanto as palabras como os ditos populares tamén moi representativos da idiosincrasia valdeorresa. Tamén dedica un espazo a artigos de divulgación sobre a lingua, no que se inclúen textos de Xabier Roo Abril, Noelia Estévez Rionegro e Sara Rodríguez Fernández, quen xunto a Elva Delgado, Manolo Agra, Toni Rodríguez, Margarida Pizcueta e Débora Álvarez integran a Comisión de Lingua que analiza os termos aportados e a súa inclusión do dicionario.

Actualmente na web xa se poden atopar preto de douscentos termos, a maioría deles aportados pola veciñanza. Unha vez subidos son publicados identificados como palabras en revisión. É despois cando a Comisión de Lingua os analiza, busca referentes nos diferentes dicionarios e atlas lingüísticos e decide se aceptalo como variante da fala valdeorresa. Se é así queda incorporado ao glosario. Se non aparecera ningunha referencia búscase confimar a súa existencia e uso con polo menos outra fonte directa, para descartar que se trate dun vulgarismo. Se a palabra é descartada déixase na web coa explicación oportuna, para difundir ese coñecemento.