Débora Álvarez Moldes, xerente da Fundación, e máis Margarida Pizcueta, representante do Concello do Barco na mesma e membro da súa Comisión de Lingua, reuníronse a semana pasada coa presidenta do Consello da Cultura Galega, Rosario Álvarez, para presentarlle os avances na creación do dicionario da fala valdeorresa. Este glosario era unha tarefa pendente dende o 2022, ano das Letras Galegas de Florencio, cando a propia Rosario Álvarez destacara na súa visita a Valdeorras a necesidade de contar cun dicionario propio da comarca. O pasado venres, Álvarez puido coñecer de primeira man os avances, nunha reunión na que recibiu ás representantes da Fundación FDG no seu despacho do Consello da Cultura Galega en Santiago.

Nese encontro, a presidenta lembrou a súa propia experiencia recollendo léxico en Valdeorras nos anos 70 e contrastou a metodoloxía do dicionario co do proxecto Tesouro do Léxico Patrimonial Galego e Portugués que puxo en marcha o Instituto da Lingua Galega. «A recollida de léxico é como apañar cereixas dun cesto, nunca sae unha soa», asegurou Álvarez, quen é asesora do proxecto dende o seu inicio. Tamén felicitou á Fundación pola iniciativa e animouna a recurrir tanto ao ILG como ao Instituto Ramón Piñeiro e á Real Academia Galega para acceder a ferramentas e recursos que faciliten a tarefa.

De esquerda a dereita, Margarida Pizcueta, Rosario Álvarez e Débora Álvarez Moldes.