A Fundación Florencio Delgado Gurriarán abriu o luns 23 de marzo a súa actividade anual coa convocatoria do VII Premio de Poesía que nesta ocasión preséntase coa imaxe orixinal creada pola artista valdeorresa Clara Quiroga (A Rúa, 1999). Inspirada nas paisaxes que Florencio desfrutaba dende o seu Córgomo natal, a imaxe do Premio foi presentada pola propia artista na Praza Maior do Barco, acompañada de Débora Álvarez Moldes, xerente da Fundación, Maricarmen Álvarez, concelleira da Rúa, Amancio Díaz, concelleiro en Petín e Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura do Barco, onde se celebrará a gala de entrega do premio no mes de setembro. Ambas destacaron a enerxía que transmite o cartel e agradeceron á artista o seu esforzo e talento.
Clara Quiroga, que na actualidade reside na Rúa, é licenciada en Belas Artes pola Universidad Rey Juan Carlos de Madrid e ten un Máster en Arte Contemporánea do Museo Reina Sofía. A súa obra céntrase no cómic, a pintura mural e a ilustración, cun estilo figurativo que nesta ocasión rompeu incorporando certa abstracción inspirada nos versos de Florencio e nas panorámicas que observaba percorrendo lugares da súa biografía, como o Porto do Río, entre Córgomo e Vilamartín. «Nos paseos tiven presentes os versos do poema Trebón que fala da voz dos antergos como algo presente na natureza e quixen plasmar iso, a memoria, pero tamén o que segue vivo coas cores do outono valdeorrés que se confunden coa cor do lume» explica Quiroga, que con esta obra se suma á nómina de artistas valdeorreses aos que a Fundación encarga cada ano o cartel.

Novidades do certame
Esta VII edición do Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán conta de novo co apoio da Deputación de Ourense, e dos concellos do Barco, A Rúa, Vilamartín, Petín, O Bolo e Larouco, e chega con algunhas novidades. A primeira delas é que cada persoa poderá presentar un só poema, que deberá ser inédito, escrito en galego e cun máximo de 50 versos. Ademais, ao premio principal de 3.000€ ao mellor poema, súmanse un segundo premio de 500€ e un terceiro premio de 300€. Débora Álvarez explicou que o aumento dos premios foi unha proposta da comisión de literatura da Fundación, que consideraba que todos os poemas finalistas debían ser recoñecidos. En canto ao envío dun único poema —ata o de agora cada persoa podía mandar tres— resaltou que así «premiamos unha voz poética e non só unha obra concreta».
O prazo de presentación de poemas candidatos é de tres meses, rematando o 23 de xuño de 2026 ás 23:59 horas. Antes, darase a coñecer o xurado, que como cada ano, estará integrada por figuras relevantes das letras e as artes galegas. Margarida Pizcueta destacou como este Premio de Poesía é xa un referente dentro do panorama literario galego, contribuíndo a consolidar e difundir a pulsión cultural da comarca. «Cada ano temos máis de cen autores e autoras candidatos e iso é unha promoción moi interesante para Valdeorras e nos posiciona como foco de creación», explicou Pizcueta, quen asegurou que a gala de poesía será de novo un evento para a lembranza.
As bases para presentar poemas poden consultarse nesta web ou descargar. Asimesmo, no prazo dun mes, anunciarase o xurado do Premio. O prazo de deliberación será de dous meses e o 1 de setembro coñeceranse os tres poemas finalistas. Este premio convocouse por vez primeira no 2018 e nestes anos ten recibido preto de mil composicións de autores e autoras de toda Galicia. Na edición do 2025, o vencedor foi Miguel Anxo Fernán Vello, un resultado desvelado na gala conducida pola actriz Iria Piñeiro e que reuniu a preto de cen persoas no Teatro Lauro Olmo e onde este ano se celebrará o sábado 19 de setembro.
