O alcalde do Barco, Aurentino Alonso, deu a benvida ao inicio das Xornadas

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán celebrou este sábado no Barco a segunda das Xornadas Culturais dedicadas ao monte con O que agroma. Recuperación e actividades económicas. Despois da primeira cita na Rúa, na que se fixera unha análise do lume do pasado agosto —recentemente declarado como o máis grande da historia de España dende que hai rexistros— nesta ocasión reuníronse expertos e proxectos de recuperación e aproveitamento multifuncional do monte, ademais de coñecer os modelos de xestión de lugares como Gondomar, en Pontevedra, ou Somiedo, en Asturias. O evento, no Teatro Lauro Olmo do Barco, comezou cunha benvida do alcalde barquense, Aurentino Alonso, quen deu paso á primeira mesa, dedicada á recuperación de chans e moderada, ao igual que o resto da sesión, pola xerente da Fundación FDG Débora Álvarez Moldes.

Abriu as intervencións a Fundación Juana de Vega con Francisco García e Daniel Canosa, quen presentaron os traballos que levan realizando nos últimos anos con comunidades afectadas polo lumes e nas que o factor humano e económico destaca como un dos principais retos. Canosa, explicou que a reflexión habitual dos habitantes do rural é que «o monte ten que dar» e que «non teñen quen o traballe». Ante esta circunstancia, Francisco García lembrou que existen proxectos e axudas moi interesantes para mellorar a xestión do monte pero que se debe de mellorar a súa comunicación e simplificar os procesos burocráticos. Tras eles, interveu Leonor Calvo, bióloga e investigadora da Universidade de León, quen coñece en profundidade o fenómeno dos lumes. Comezou defendendo as queimas prescritas como clave para xestionar un territorio cada vez máis abandonado, unha ferramenta que «en Portugal úsase de forma moi eficaz». Tamén analizou como se comportan as diferentes especies arbustivas ante lumes reincidentes, destacando as pradarías, as enciñeiras e os bidueirais como cortalumes naturais.

Outros modelos de xestión do comunal

A segunda das mesas comezou coa palestra do enxeñeiro forestal Hugo Rodríguez, quen describíiu as posibilidades dunha xestión ecosistémica do monte, na que todos os aspectos estean involucrados e tidos en conta para a súa sostenibilidade: o factor económico, humano, a biodiversidade, o clima, etcétera. Rodríguez fixo unha defensa das plantacións en mosaico, onde as masas forestais estean interrompidas e diversificadas «a nivel de paisaxe, sen ter que ir hectárea a hectárea». No seu caso, está implicado na xestión dos montes da Veiga e amosou como o pasado verán, onde houbera entresacas e espazos clareados, con pistas limpas, o lume puidose parar. «Un dos erros é agardar polo lume nas aldeas, debemos planificar espazos no monte que axuden a frealo». Neste senso, destacou os bosques de alerces e pseudosugas, como os que se atopan en Mones (Petín) ou Santigoso (O Barco), dous tipos de coníferas que manteñen limpo o sotobosque e pola súa densidade frean o avance do lume. Tamén augurou que «se acabará pagando aos gandeiros por usar os montes igual que xa se paga aos apicultores por contribuír ao proceso de polinización», defendendo un uso multifuncional do monte.

Ese modelo é o que levan case dous décadas implantando nos Montes de Couso, en Gondomar. O actual presidente da súa comunidade de montes, Xosé Antón Araúxo, explicou no Barco como, dende que entrou a actual directiva no 2008, comezaron a retirar o eucalipto, que definiu «como a gran estafa», substituíndoo por frondosas, cultivos de setas shitake e arandos, os cales comercializan transformados en marmelada e paté. E deu un dato: «Un metro cadrado de eucalipto produce 1€ ao ano; o mesmo terreo dedicado ao shitake, 14€». Tamén destacou como esta diversificación de aproveitamentos —entre os que están iniciando a recollida de resina coa empresa valdeorresa Xagoaza Pinaster—  xera tres postos de traballo permanente no comunal e moita vida arredor do monte, con proxectos culturais e educativos, como o Bosque da Lingua ou o estanque dos anfibios.

Viticultura e gandería, un monte vivido

A última mesa estivo dedicada a outros sectores económicos, comezando cunha análise das posibilidades de expansión do viñedo valdeorrés. Jorge Mazaira, director técnico da DO Valdeorras, explicou como, aínda que nos últimos anos semella que creceu a superficie de viñedo na comarca, realmente trátase dunha reestruturación, xa que as hectáreas cultivadas están dende hai anos arredor das 1.300, moi lonxe das 4.500 dos anos sesenta. «O viñedo pode aumentar pero ten que facelo acorde coas posibilidades reais de comercialización do viño e os datos din que o consumo baixa», reflexionou. En canto á afectación dos lumes no viñedo, anunciou que o Consello Regulador vai iniciar un estudo para facer un seguimento a medio prazo das súas consecuencias no chan se ben de entrada, semellan recuperados ao redor de «o 90% das plantas afectadas».

Dos retos tras os lumes tamén falou Mario Nogueira, gandeiro rués quen criticou os prazos da administración á hora de valorar os seus efectos nos animais. «Este inverno morréronnos setenta vacas pero a data límite para pedir axudas era o 1 de novembro cando non chegara o frío», explicou ao tempo que se preguntaba se era razoable animar os seus fillos a tomar o relevo dun negocio  tan vulnerable. Nogueira asegurou non entender os criterios de xestión do monte valdeorrés, onde non é capaz de ter pastos cando «o lugar que escolleron para facer un contralume en agosto foi o único pasto que tiña», demostrando a súa eficacia como lugar de freo das chamas. 

O último en intervir foi Belarmino Fernández, alcalde de Somiedo, onde hai un dos parques naturais máis antigos do país. No seu caso, non sen esforzo, conseguiron un sistema económico e social onde conviven a gandaría extensiva, o turismo natural e a conservación da natureza. «Hai quen critica unha suposta masificación turística porque hai mil habitantes e mil trescentas prazas turísticas pero é que hai trinta anos eramos o triplo», explicou Fernández, quen defendeu que o principal reto é a fixación de poboación. Para frear o despoboamento e garantir o relevo económico apostan por axudas para autónomos e atraer emigrantes de zonas agrarias latinoamericanas. Pechou a súa intervención asegurando que a soberanía alimentaria do país, como se demostrou na pandemia, pasa polo rural e que «o futuro non está escrito».

13 de xuño, Larouco

A última sesión das Xornadas Culturais da Fundación Florencio Delgado Gurriarán é o 13 de xuño ás 10:30 na Casa da Cultura de Larouco, con Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural, na que se tratarán iniciativas de posta en valor do monte pola súa riqueza paisaxística e etnográfica, como o BIC do barrio de covas de Larouco, os montes de Casaio ou o Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra. Tamén serán presentadas iniciativas educativas na natureza de Valdeorras, Viana do Bolo e O Bierzo. As xornadas rematarán cunha visita guiada ao xacemento arqueolóxico do Castelo, en Valencia do Sil (Vilamartín) acompañados do equipo de Sputnik Labrego.