Trala análise dos lumes e das actividades produtivas feita nas dúas primeiras sesións, a Fundación Florencio Delgado Gurriarán pecha as Xornadas Culturais do ano 2026 dedicadas ao monte cun encontro dedicado ao seu valor cultural. Será o próximo 13 de xuño ás 10:30 horas na Casa da Cultura de Larouco, coa xornada Somos monte. Patrimonio cultural, social e natural. A xornada está dividida en dúas partes, na primeira, intervirán especialistas en patrimonio, arqueoloxía e natureza, para analizar o monte como parte da nosa identidade construída. Intervirán: Teresa Nieto, arquitecta e coordinadora da Sección de Patrimonio do Consello da Cultura Galega, Carlos Tejerizo, arqueólogo e membro de Sputnik Labrego, e Cristina Fernández, educadora ambiental e actual guía do Parque Natural da Serra da Enciña da Lastra.

Tras esta primeira mesa e unha pausa para café, será a quenda dunha mesa de coloquio con expertos en educación e divulgación ambiental que presentarán casos concretos de iniciativas levadas a cabo na comarca e os retos de futuro na implicación das novas xeracións no coidado da contorna. Formarán parte desta mesa profesionais da comarca valdeorresa como Pedro Domínguez Pérez, co-propietario do proxecto Eco dos Teixos de Casaio, e Felipe Morales, divulgador e educador no IES Martaguisela do Barco. Ovidio Villa Marco, tamén biólogo e docente, falará do proxecto Glaciar desenvolto no IES Carlos Casares de Viana do Bolo, e Rebeca Casal Vegal, quen presentará os seus proxectos de robótica con estudantado. Tamén estará Miguel Conde, quen reflexionará sobre os problemas e perspectivas dos espazos naturais protexidos en Galicia.

VISITA GUIADA ÁS COVAS

Esta xornada completarase ao día seguinte, domingo 14 de xuño, cunha visita polas covas de Seadur coa arquitecta técnica e investigadora Carina Rodríguez, quen elaborou o proxecto para defender a súa declaración como Ben de Interese Cultural. A ruta comezará ás 10.30 e percorrerá varias zonas de covas da aldea, explicando o seu contexto histórico, técnicas de construción, tipoloxía e usos. Para anotarse é necesario cubrir este FORMULARIO. As prazas son limitadas.