Aleixandre Lago, gaña o V Premio de Poesía FDG






Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992) resultou o gañador do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán convocado pola Fundación que leva o nome do poeta do Córgomo. O premio foi desvelado o sábado 26 de outubro nun encontro celebrado no Bolo e ao que acudiron tamén os outros poetas finalistas, Daniel Barral e Benjamín Vidal. Os tres autores tiveron ocasión de recitar os seus poemas nun evento conducido polo actor e músico valdeorrés Paco Campos e no que tamén interveu o músico Raúl Diz, membro do xurado.
Gala do Premio de Poesía
A gala do V Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán celebrouse o sábado 26 de outubro no castelo do Bolo. Foi un evento activo que comezou no Museo Yosso e continuou no castelo, nun evento conducido por Paco campos e no que se deu a coñecer ao gañador.
É a primeira vez que este evento, que xa se ten celebrado no Barco, na Rúa e en Vilamartín, chega a terras bolesas, amosando a estratexia da Fundación por visibilizar aos artistas da comarca e ampliar a súa repercusión. O evento, conducido polo actor valdeorrés Paco Campos, comezou no Museo Yosso onde a irmá do pintor e tamén poeta, ofreceu unha visita guiada. Despois, o acto continuou no castelo, onde houbo música e poesía.
Finalistas
Daniel Barral
Daniel Barral (Vigo, 1997) é licenciado en Filosofía pola Universidade de Barcelona. Actualmente traballa como profesor de Filosofía no ensino secundario galego. Aparte do seu traballo en poesía e narrativa, colabora con diversos medios de comunicación galegos e mantén o blogue danielbarral.fala.gal
Ten gañado premios literarios como o Manuel Murguía de narración breve do 2019 por A casa das Castrouteiro e o VII certame Literario Mazarelos da USC en 2021 con O livro de Liu Changqing. Outra da súa obra publicada é Dialética, de Editorial Medulia.





Benjamín Vidal
Benjamín Vidal (Baiona, 1996) É graduado en Filoloxía Clásica pola Universidade de Santiago de Compostela, onde realiza a súa tese de doutoramento en fonoloxía das linguas tocarias. Dí del mesmo que leu por primeira vez a Safo con dezasete anos e agora, con vinte e oito aínda non se sobrepuxo. Tamén con dezasete coñeceu os asteriscos da lingüística histórica e decidiu que dedicaría a vida toda a estudar linguas mortas sen rexistro escrito.
A súa obra viu a luz na antoloxía Poesía galega novísima (Editorial Urutau) e nos números 42 e 43 da revista Dorna, Expresión Poética Galega. Tamén foi premiado no IV Concurso literario Mazarelos e recibiu o accésit compartido no XXVI Certame Francisco Añón de poesía.






Aleixandre Lago Barcala
Aleixandre Lago Barcala (A Coruña, 1992) Cursou estudos de Filosofía e Filoloxía clásica. Colaborou como tradutor e axudante de dirección na compañía Teatro do Atlántico.
Como escritor, resultou finalista do Premio de Poesía Díaz Jácome na súas XV e XX edicións. Ten publicado o libro Cartafol de Miraxes, gañador do XXIV Certame Literario de Vilalba no 2018.




Cartel
Como en cada edición, o cartaz do Premio foi deseñado por unha artista valdeorresa. Nesta ocasión, é obra de Eva Piay, unha ilustradora graduada en Belas Artes e nacida en Rubiá en 1999.
Especializada no ámbito da ilustración, conta xa con tres libros publicados como ilustradora e na actualidade traballa no desenvolvemento do seu primeiro album ilustrado como autora.
Xurado
O xurado está integrado por escritoras, docentes, músicos, xornalistas e críticos literarios. Entre eles, a gañadora da IV edición do Premio, Beatriz Dourado. O 7 de outubro difundirase o nome dos poemas finalistas e o gañador, na gala.