A Fundación Florencio Delgado Gurriarán, co apoio e patrocinio da Deputación de Ourense, convoca o VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán. Esta iniciativa, xa consolidada no panorama de creación literaria en galego, ten por finalidade fomentar a escrita de textos poéticos en lingua galega así como a difusión dos seus autores e autoras.

Xurado

Poetas e artistas cunha ampla traxectoria, un investigador da literatura galega, e dous poetas novos. Os cinco nomes que integran o xurado do VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán reúnen a experiencia, o talento e a pulsión que require escoller ao próximo poema gañador do que é xa un dos certames literarios máis consolidados do país. 

Resumo das bases

23/06
Data límite
de envío (2026)
50/1
Un único poema de
50 versos
3.800€
En tres premios

O Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán cumple a súa sétima edición consolidado como un dos certames literarios máis importantes de Galicia. Convócao a Fundación Florencio Delgado Gurriarán co apoio e patrocinio da Deputación de Ourense. Este premio nace no 2018 para promover a creación literaria e reivindicar a obra do poeta de valdeorrés.  

Pódense presentar poemas inéditos, en galego e cunha extensión máxima de 50 versos, puidendo presentarse un único poema por persoa. O certame ten tres premios:  3.000€ para o gañador, 500€ para o segundo clasificado e de 300€ para o terceiro. Poderase presentar calquera persoa maior de idade e que non fose gañadora en anteriores edicións. Os membros do xurado serán anunciados un mes despois da publicación destas bases.

Hai dúas maneiras de inscribirse, enchendo o anexo das bases e enviándoo xunto co poema e unha pequena biografía profesional, a florenciodelgadogurriaran@gmail.com ou directamente no formulario de inscrición online

O prazo para recibir obras remata o 23 de xuño de 2026 ás 23:59 horas.

Clara Quiroga, autora do cartel

O deseño do cartel desta VII edición é obra de Clara Quiroga (A Rúa, 1999). Graduada en Belas Artes, a súa obra céntrase no cómic, a pintura mural e a ilustración. Nesta ocasión, mesturou técnicas para mostrar os versos de Florencio mimetizados coa paisaxe, poñendo o foco na memoria e na natureza valdeorresa.

Para iso percorreu espazos da biografía de Florencio na comarca deixándose inspirar polos versos do poema de Florencio Trebón: «Por antre / os carballos / por antre / os piñeiros, / no vento / ao fugar, / a voz  / do pasado, / a voz / do ancestro: / non o ouves chamar?» .

Bases VII Premio de Poesía Florencio Delgado Gurriarán

A Fundación Florencio Delgado Gurriarán, co patrocinio da Deputación de Ourense, convoca o VII Premio de Poesía Florencio  Delgado Gurriarán. Esta iniciativa, que se insire dentro dos actos de homenaxe ao autor e de difusión de súa figura e obra, ten por finalidade fomentar a escrita de textos poéticos en lingua galega así como a difusión dos seus autores e autoras.

O premio

O concurso resolverase en tres premios, un primeiro premio dotado de 3.000€ (TRES MIL EUROS), un segundo premio dotado de 500€ (CINCOCENTOS EUROS) e un terceiro premio dotado de 300€ (TRESCENTOS EUROS). As nomeadas cantidades entregaranse aos autores ou autoras dos poemas gañadores coa retención previa dos correspondentes impostos.

Presentación de texto e inscrición no concurso

A inscrición no concurso realizarase por vía electrónica a través deste FORMULARIO web ou enviando o anexo das BASES cuberto ao correo florenciodelgadogurriaran@gmail.com adxuntando a obra presentada e un breve currículo literario.

Prazo de presentación

O prazo de presentación da obra comezará a partir do día seguinte da súa publicación na páxina web da Fundación e o prazo, improrrogable, de presentación dos textos será ata o 23 de xuño de 2026 ás 23:59h seguindo as indicacións que seguen.

Condicións e requisitos
  1. Os autores ou autoras deberán ser maiores de idade no momento de enviar a obra.
  2. Cada autor/a pode presentar un única obra ou texto poético escrito en lingua galega.
  3. A obra presentada debe ser unha poesía ou composición literaria en verso, unitaria, en ningún caso se aceptarán poemarios ou conxuntos de textos poéticos.
  4. O texto presentado deberá ser orixinal e inédito. Non poderán concorrer textos premiados, presentados anterior ou simultaneamente a outros certames ou textos que manteñan compromisos editoriais de publicación.
  5. Os textos serán de temática e forma libre, cun máximo de 50 versos.
  6. Poden presentarse todas as persoas que o desexen, agás aquelas que xa foran premiadas nas cinco convocatorias deste Premio. 
  7. Cada persoa pode presentar unicamente un texto a concurso, que debe cumprir os requisitos aquí descritos.
  8. O texto enviarase en formato dixital .pdf. Non se admitirán textos con detalles de maquetación ou deseño que permitan identificar a autoría.
  9. O texto presentado non debe conter datos persoais nin indicación ou referencia que faga alusión á autoría do texto. Os datos aportados na inscrición non serán en ningún caso transmitidos ao xurado.
  10. No caso de estar entre os tres poemas finalistas e/ou ser gañador do certame, o autor/a e os finalistas cederán a esta entidade os dereitos de explotación para a publicación, reprodución ou distribución do poema, tal e como consta no regulamento que marca a Lei de Propiedade Intelectual desenvolta no Real Decreto Lexislativo 1/1996, de 12 de abril.
  11. Os traballos non premiados serán conservados no arquivo da Fundación para posibles traballos de análise e investigación, máis nunca para a súa publicación sen permiso previo (asinado no mesmo ano natural) dos/as propietarios/as.
  12. Os participantes enviarán, xunto ao traballo presentado, un breve currículo persoal e literario (10-30 liñas).
  13. No caso de ser seleccionados como finalilstas, deberán declarar baixo a súa responsabilidade o carácter inédito e non premiado da súa obra, así como o seu total sometemento ás bases do concurso.
  14. O/a gañador/a, e os finalistas, aceptan pórse a disposición da organización do concurso para a promoción e difusión do premio de forma específica asistirán aos actos de entrega propostos pola organización salvo causa de forza maior.
  15. As persoas participantes no premio autorizan o tratamento dos seus datos persoais á Fundación Florencio Delgado Gurriarán conforme ao disposto no Regulamento Europeo (2016/679). O tratamento destes datos serán os necesarios para xestión, desenvolvemento e publicidade do premio.
O xurado

O xurado do Premio será seleccionado pola Fundación Florencio Delgado Gurriarán e designado pola presidenta da mesma. Este estará integrado por personalidades da cultura galega de especial valía e recoñecemento. Tamén formará parte do mesmo o/a gañador/ gañadora da edición anterior.

As funcións dos membros do xurado serán:

  • Ler e valorar a calidade literaria das obras presentadas no marco desta convocatoria.
  • Asistir ás reunións telemáticas convocadas para a resolución do premio. Asistir ao acto e entrega oficial do VII Premio de Poesía de Florencio Delgado Gurriarán que se celebrará en Valdeorras no mes de setembro.

Os integrantes do xurado faranse públicos un mes despois da publicación das presentes bases do premio.

O xurado resérvase o dereito a declarar nulo o concurso no caso de que os textos presentados non reúnan méritos suficientes ou que os textos non se axusten ás condicións establecidas na convocatoria.

Prazo de resolución e notificación
  1. O 1 de setembro do ano en curso o xurado resolverá o premio facéndose público o nome dos finalistas en canto lle sexa comunicado primeiro aos interesados. 
  2. O fallo do xurado farase público na web da Fundación sen prexuízo de que se poida comunicar a través doutras canles de comunicación.
  3. O gañador/gañadora, o primeiro finalista e o segundo finalista coñeceranse na gala de entrega de galardóns.
  4. A partir da gala de entrega do premio, os gañadores ou gañadoras disporán dun prazo máximo de 10 días naturais, para presentar un escrito no que comunique a súa aceptación do premio conforme ao modelo que se lles proporcione e documento xustificativo da entidade bancaria da posesión da conta bancaria onde recibirá o pagamento. En caso de non aceptar dentro do referido prazo quedará sen efecto o premio proposto, pasándose a premiar o/a seguinte mellor valorado.
  5. O fallo do xurado será ratificado polo padroado da Fundación a través de certificación expedida pola secretaría da mesma.
En O Barco de Valdeorras, a 23 de marzo de 2026